Sobre mín

Chámome David Pérez Rego e son un un artista que vive e traballa no Concello do Porriño (Pontevedra, Galicia). Licenciado en Historia del Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, escritor, bibliotecario e programador web, toda a miña vida ten xirado arredor da arte nas súas diversas formas de expresión. Participei en diversos proxectos persoais e colectivos e nos últimos anos decidín centrarme na miña verdadeira paixón: o debuxo arquitectónico.

A miña obra caracterízase por reproducir con estilógrafo, en tinta negra, arquitecturas do patrimonio arquitectónico de Galicia.¿Por qué esa teima de debuxar edificios? É unha pregunta que me fan bastantes veces. Porque penso que as persoas gardamos unha singular relación con espazos arquitectónicos. Coa súa imaxe reviven recordos, vivenzas, sensacións moi especiais.

E non fai falla que sexan edificios principais: a imaxe dun palleiro pode ser máis evocadora que o dunha catedral si a imaxe dese palleiro condensa, por exemplo, as vivencias da nosa infancia. Por iso gústame representar edificios con alma, arquitecturas que me seducen por algunha razón que me é difícil explicar sen recurrir á palabra “frechazo”, puro romanticismo, o sentir que hai algo máis detrás delas. ¿Catedrais?, por suposto, pero tamén muíños de vento en ruínas, ou simples fiestras que reciben a luz da mañá como unha caricia.

Quizais polo cariño que lle teño a estas arquitecturas quero pasar tanto tempo con elas, coñecéndoas, debuxándoas cunha técnica que máis que arte a interpreto como artesanía do debuxo. Unha técnica de punteado (stippling) e raiado (crosshatching) minuciosos que me permite obter imaxes de gran realismo cun estilo moi persoal. En cada debuxo, composto de milleiros de pequenos trazos, emprego ducias de horas de observación, análise e traballo preciso.

Fronte á rapidez dunha era vertixinosa, penso que hoxe en día o vangardista reside na lentitude do proceso artístico. Concentrarse nunha execución minuciosa e dilatada no tempo produce tamén outros lazos coa obra, e representa, ademais, unha forma de meditación persoal similar a crear un mandala.

EXPOSICIÓNS


.

Contacto